Moncho Reboiras Vive! Homenaxe a Moncho Reboiras en 2014

39 anos despois do seu asasinato, o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) homenaxeou o militante comunista e soberanista Moncho Reboiras, cun vibrante acto celebrado no cemiterio de San Xoán de Laíño en Imo

39 anos despois do seu asasinato, o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) homenaxeou o militante comunista e soberanista Moncho Reboiras, cun vibrante acto celebrado no cemiterio de San Xoán de Laíño en Imo, no concello de Dodro, na mañá do 12 de agosto, baixo unha lixeira poalla.

Do MGS non concebimos esta iniciativa, que vimos realizando ininterrumpidamente desde 2009, pouco despois da nosa fundación, como un acto rotineiro de simples mirada ao pasado. Polo contrario, afirmamos que Moncho Reboiras vive naquelas que loitan pola patria liberada e o socialismo. Así, a homenaxe é tamén un acto de loita pola defensa dos principios ideolóxicos e militantes que tan caros custaron ao noso compañeiro, e tamén á súa ética, entrega e xenerosidade.

Diante de aproximadamente un cento de persoas, militantes e amigos/as do MGS, así como veciñanza e familiares; a maior participación até a data dun acto que se vai consolidando no tempo, as catro intervencións achegáronse a estas premisas desde diferentes e complementarios enfoques.

Así, Bieito Pérez, responsable local do BNG de Dodro, saudou os asistentes e animou brevemente a continuar o camiño pola consolidación do nacionalismo.

Xesús Chaves, da Asociación Memoria do 72, realizou unha formativa e particularizada explicación do contexto no que actuaba a clase traballadora a comezos dos anos 70, nos que el mesmo participou na fundación da breve mais relevante Organización Obreira, e nos que coincidiu con Reboiras. “Temos moito que agradecerlle, e a mellor maneira é levando á práctica aquel programa que tiña, o dunha Galiza socialista, solidaria, en pé de igualdade con todos os pobos do mundo”, afirmou.

Pola súa parte, Noa Presas, de Isca!, animou á mocidade galega a cumplir coa súa “responsabilidade histórica”. Para a militante xuvenil esta non é outra que continuar a loita do militante de Imo, que foi asasinado con apenas 25 anos, e continuar o desenvolvemento do independentismo xuvenil e revolucionario en todas as frontes: “estamos convencidas de que nunha nación sen soberanía como a nosa a única ruptura radical do sistema pasa pola alianza de quen defendemos un proxecto de ruptura democrática con España, un proceso constituínte en chave nacional”. A abondosa presenza de militancia xuvenil dá conta do compromiso das novas xeracións co proxecto político polo que deu a vida Reboiras.

Por último, Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela, enfiou un discurso moi apegado á actualidade política, alertando dos perigos das falsas saídas de carácter electoralista, da concepción da política como un espectáculo mediatizado e do desvinculamento dos conflictos e problemas da clase traballadora, para resaltar a necesidade de actuar con dedicación e firmeza na política de masas. Noceda sinalou que “cómpre ter claros os principios e defendelos con claridade ideolóxica, con combatividade e coa xusta e necesaria pedagoxía”, no camiño da consecución do “poder real e non dun mero resultado electoral”

Tamén participaron no acto integrantes doutros colectivos e organizacións, como o Revolutionary Communist Group e o Partido Comunista do Pobo Galego, ademais de representantes do BNG da localidade e da comarca.

Despois do acto, boa parte das persoas asistentes participaron do previsto xantar de confraternización, que por circunstancias da metereoloxía foi trasladado a un centro cívico situado nas redondezas do cemiterio, onde a xornada se extendeu ata media tarde.

Axitación previa

A campaña do MGS non se limitou a este evento. No día anterior rematamos un mural de catro metros de altura e tres metros de largura, moi preto do cemiterio de Laíño, coa figura de Moncho Reboiras. Nos próximos días instalarase un texto explicativo sobre a súa biografía e as súas principais achegas ao soberanismo revolucionario. Ademais, na mesma mañá do 12 de agosto instalamos, en caracteres de grandes dimensións á beira da AP-9, a lenda “Moncho Reboiras Vive”.

Tal como a historia do noso país demostrou en tantos e tan importantes momentos, o maior contributo que os traballadores e o pobo galego podemos dar para lembrar Moncho Reboiras é retomar o seu compromiso cos obxectivos estratéxicos da independencia e o socialismo.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Sumar para construír a folla de ruta do soberanismo do s.XXI

Nota: o texto que reproducimos a continuación forma parte das teses aprobadas na nosa 3ª Asemblea Nacional. Ao longo da historia do Movemento Galego ao Socialismo temos traballado na procura de propostas estratéxicas e tácticas para o avance do conxunto do soberanismo. Neste