Baixo un ceo gris celebrouse, como cada 12 de agosto, a homenaxe na que o Movemento Galego ao Socialismo lembra a figura de Moncho Reboiras na súa parroquia natal de Imo (Dodro).
Asasinado pola policía dun réxime franquista agonizante, Moncho Reboiras deixounos o exemplo de militante político até as súas últimas consecuencias, e tamén a vixencia das súas ideas de liberación e a necesidade de contar con organizacións fortes en todos os ámbitos que articulasen o movemento nacional e popular.
Polo MGS tomou a palabra Noa Presas, membro da súa Mesa Nacional e Deputada do BNG no Parlamento Galego, quen alertou dos cambios nas nosas vidas que provocou o Coronavirus e da aceleración da chegada da nova crise do capitalismo que precarizará aínda máis as condicións materiais de vida da clase traballadora.
Ademais, destacou o histórico resultado do BNG nas pasadas eleccións galegas, pero recomendou collelo con cautela, humildade e responsabilidade, nun contexto de alta volatilidade electoral, da necesaria reactivación organizativa e da consolidación dos sinais de identidade históricos do soberanismo .
Para finalizar, anunciou a convocatoria da 3ª Asemblea Naciona do MGS, nun contexto extraordinario, coa necesidade da reconstrución do espazo político, facendo autocrítica dos erros, poñendo en valor os acertos e abrindo unha nova etapa histórica adaptada ás condicións de 2020.
A continuación interveu Lucía Freire, membro da Mesa Nacional do MGS e da Executiva Confederal da CIG lembrando as consecuencias económicas, laborais e sociais da actual crise do Coronavirus que estamos a padecer. Explicou como as chamadas “crises económicas” non son máis que procesos cíclicos que o capitalismo precisa para acrecentar os procesos de concentración da riqueza.
Freire indicou que as receitas que se tomaron en 2008, que acenturaron a precarización e o empobrecemento das clases populares, non poden ser as que se tomen actualmente. Porén vemos que se toma o mesmo camiño: os ERTES, os ERES, a desregulación dos horarios, a represión… son políticas útiles para o capital pero ruinosas para a clase traballadora.
Rematou recordando que só coa mobilización e a organización poderemos vencer a un capitalismo senil e decadente, en ofensiva para arrebatarlle o pouco que lles queda ás desposuidas.
Por último falaron tamén Xoán Bautista, Responsábel Local e Concelleiro do BNG de Dodro, e Pilar Casás, pola Mesa Nacional de Isca! Xoán recordou que temos que coñecer o pasado para saber a onde queremos ir no futuro. O nacionalismo sempre o tivo claro: un país que produza e que aproveite as súas potencialidades. Esas potencialidades que sempre tivo en conta Moncho Reboiras na súa acción política.
Pilar reflexionou sobre a mocidade precarizada nesta crise, sendo unha das principais esquecidas, por exemplo, no ámbito do ensino, que mermou en gran medida a calidade do mesmo (chegando ao extremo de estudantes sen acceso a aulas online), todo iso co agravante da pésima xestión da Xunta. Sinalou que os datos falan dun alto porcentaxe de desemprego xuvenil, e todo iso sen contar a mocidade emigrada. Para finalizar, recordou o traballo e a dedicación de Moncho Reboiras para construir unha República Galega onde non teña cabida ningunha opresión.
A homenaxe contou coa actuación musical da arzuá MJ Pérez, que interpretou varios temas do seu repertorio. O acto concluíu coa interpretación da Internacional, o Himno Nacional e coa entrega dunha coroa de flores na tumba de Reboiras.