Sumar para construír a folla de ruta do soberanismo do s.XXI

Nota: o texto que reproducimos a continuación forma parte das teses aprobadas na nosa 3ª Asemblea Nacional.


Ao longo da historia do Movemento Galego ao Socialismo temos traballado na procura de propostas estratéxicas e tácticas para o avance do conxunto do soberanismo. Neste último ano, os debates das zonas e os nacionais levárannos a elaborar unha serie de propostas de futuro que nos permiten, a un tempo, analizar a situación do movemento político e apuntar para as que entendemos son as liñas de traballo imprescindíbeis no futuro.

Un soberanismo en chave de ruptura

O soberanismo precisa facer unha avaliación e unha análise autocrítica do seu percurso como movemento, que recoñeza os seus erros e explique e fundamente as mudanzas de liña política dos últimos anos, para non repetir experiencias negativas. É precisa unha folla de ruta consecuente e definida colectivamente que, desde a práctica política do día a día, defina as urxencias e prioridades e a forma de avanzar non só na defensa dos dereitos e conquistas inmediatas, mais tamén no horizonte estratéxico da construción da República Galega.

É imprescindíbel unha maior conexión entre o táctico e o estratéxico, de forma a que a nosa acción política no día a día se inserte e sexa coherente co noso proxecto político a longo prazo. Cómpre superar o evidente desfase entre os obxectivos declarados e a acción política concreta, nomeadamente no institucional. A situación social e a súa evolución, a crise estrutural e as mudanzas na correlación de forzas deben ser analizadas en todo momento para actualizar os diagnósticos e as propostas, e en base a isto intervir socialmente. Para isto faise necesario a creación de espazos estábeis de debate táctico e estratéxico entre o conxunto das organizacións do campo soberanista.

O soberanismo debe situarse correctamente ante a disxuntiva que se presenta neste momento: participar nun novo peche en falso da crise de réxime ou confrontar esa operación por medio dun proxecto claro de ruptura democrática. O feito de sermos un movemento político claramente enfrontado ao sistema e non integrábel no mesmo debe visibilizarse en toda a nosa acción política, tanto no simbólico como nos discursos, a acción concreta ou as alianzas.

O soberanismo debe dirixirse, facer política e elaborar propostas prioritariamente para a inmensa maioría social deste país: as clases traballadoras e os sectores populares que serán os principais axentes do proceso. Cómpre entender, defender e socializar a loita pola soberanía non só como unha batalla identitaria e de defensa da nosa realidade nacional agredida, senón esencialmente como unha loita polo poder, que permita que o pobo galego sexa o único depositario dos seus destinos, abrindo camiño para implementar políticas realmente transformadoras e de avance na xustiza social. Estes necesarios novos enfoques deben permitir interpelar aos sectores populares hoxe afastados do proceso de construción nacional.

O soberanismo debe ser quen de dotar o activismo e a militancia sectorial dun proxecto abranguente que poida ser referencial para as diferentes loitas e o tecido social do país.

O valor da militancia

Debemos facer unha reflexión profunda sobre cal é o papel da militancia neste momento histórico e as causas sociais e políticas do evidente retroceso na partipación e na implicación activa. Cómpre multiplicar os espazos de debate e contraste de ideas, e promover as dinámicas de intervención colectiva fronte ás individuais.

As carencias do soberanismo non son só (nin fundamentalmente) de tipo electoral e institucional. O traballo esencial que temos por diante é mellorar a incidencia e a penetración social das ideas que defendemos, e iso só é posíbel con un traballo de base, de longo alento e en todas as frontes para vertebrar o país com perspectiva nacional.

A necesidade da organización

Temos que apostar por unha mudanza completa das prioridades, das formas de traballar, da utilización dos recursos e da planificación xeral da acción política, que impida que as organizacións políticas se convirtan nunha permanente maquinaria institucional e de campaña durante os interminábeis ciclos electorais. Se partimos da centralidade da activación popular no proceso de liberación nacional, é preciso destinar esforzos e recursos para iso, detraéndoos do institucional. Cómpre traballar para expandir a conciencia nacional, afortalar o tecido social e apoderar o pobo a todos os niveis.

É preciso o traballo, de forma planificada e eficiente, de todas as ferramentas coas que contamos: Vía Galega, a CIG, o BNG, a autoorganización do feminismo galego, os Centros Sociais, as Sementes… os espazos de intervencións social son un espazo óptimo para a unidade de acción dos distintos sectores e proxectos políticos do soberanismo, e permiten estabelecer alianzas sobre bases máis firmes. Cómpre mellorar a coordenación entre as diversas organizacións sectoriais e, especialmente, entre as loitas que levan a cabo.

Cómpre reforzar o sindicalismo nacionalista e a CIG, non só como instrumento de defensa e conquista de dereitos laborais e sociais, mais tambén como ferramenta central e imprescindíbel de construción nacional e contrapoder.

É imprescindíbel articular un espazo soberanista amplo e non partidario como o que aspira a representar Vía Galega, que debe ser aberto e plural para organizar, concienciar e mobilizar cara á soberanía. É unha tarefa impostergábel crear un espazo de coordenación das organizacións nacionalistas.

O soberanismo ten que apostar polos Centros Sociais como espazos de socialización e encontro das bases mas tamén como ferramentas de construción de poder popular e de coordinación das loitas sociais.

Institucións ao servizo da construcción nacional

O soberanismo galego debe avanzar en definir como encadrar correctamente o labor institucional no proceso de liberación nacional, de forma que permita non só facer unha boa xestión diaria e coherente co seu programa e principios, senón avanzar no horizonte estratéxico, crear consciencia e evidenciar os límites do sistema. Cómpre un maior seguimento, formación, acompañamento e definición de liñas comúns para garantir a coherencia tanto no que se fai nas diferentes institucións como en relación ao noso programa, principios e obxectivos.

O soberanismo debe gobernar cando sexa quen non só de implementar partes relevantes do seu programa, senón tamén de colocar o seu proxecto institucional ao servizo de avanzar na construción social e nacional. As institucións deben servir como altofalante para visibilizar loitas sociais e para apoiar desde elas o reforzo da auto-organización popular.

Os avances desde a institución só son posíbeis se hai tecido social organizado acompañando ou empurrando as necesarias mudanzas. En coherencia con isto, cómpre potenciar ao máximo a participación popular e a corresponsabilización da maioría social.

A participación institucional e os pactos de goberno teñen que responder non só ás necesidades inmediatas, mais tamén ás estratéxicas, e non poden entrar en contradición con estas. Cómpre visibilizar o PSOE como un dos piares do réxime e evitar aparecer como subordinado a eles.

O papel do soberanismo en relación aos límites institucionais non é resignarse, senón forzalos e evidencialos (e de quen son responsabilidade) como forma de crear consciencia sobre a necesidade dunha mudanza de fondo, tendo sempre presente e visibilizando que as transformacións sociais profundas teñen o centro fora da institución.

Fronte ás constantes apelacións das forzas do sistema a unha suposta necesidade de “estabilidade” ou “gobernabilidade”, o papel dos proxectos soberanistas só pode ser o de incomodar, desestabilizar e confrontar cun réxime no que non temos cabida e un sistema que queremos superar. Débese fuxir dun mal entendido “respecto institucional” para contribuír a rachar tamén desde aí a orde estabelecida.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Construíndo unha folla de ruta para o soberanismo do s. XXI

Os últimos anos foron de rearticulación, realiñamentos e redefinicións no campo do soberanismo galego. Houbo proxectos políticos que desapareceron, viraxes históricas, clarificacións e refundacións, todo isto no cadro dunha crise de réxime onde as estruturas estatais xa non son quen