Moncho Reboiras presente! Homenaxe a Moncho Reboiras en 2017

Como cada ano desde a súa fundación, o Movemento Galego ao Socialismo celebrou este 12 de agosto, 42º cabodano do asasinato de Moncho Reboiras pola policía española, unha homenaxe a Moncho Reboiras, militante exemplar da causa da liberación nacional e social de Galiza. Fíxoo, máis unha vez, misturando o necesario exercicio da reivindicación cunha dose de celebración da memoria e confraternización entre os máis dun cento de asistentes, moitos deles veciños e veciñas de Moncho Reboiras e da súa familia e tamén xente procedente doutras comarcas do país que quixeron participar nunha xornada que medra ano a ano.  

O acto, conducido por Ximena González, iniciou coas palabras de Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG no concello de Dodro, a que pertence Imo. Mariño centrouse na necesidade de continuarmos colectivamente a loita da que tamén Moncho Reboiras facía parte: a loita por superar un sistema capitalista que nos oprime e que ten, no caso particular de Galiza, unha fasquía extractivista e colonial que nos aferrolla dobremente. A continuación foi a quenda de Élia Lago, membro da Mesa Nacional do MGS e de Isca!, que reflexionou sobre a necesaria identificación entre as nosas circunstancias e aquelas nas que viviu Moncho Reboiras, sobre o significado intenso do compromiso militante, até as últimas consecuencias, e sobre os retos para un futuro libre e socialista. Pola súa parte, Ramiro Oubiña, histórico militante sindical, centrou a súa intervención en pór de relevo a importancia de Reboiras na creación do primeiro sindicato galego — o SOG — en medio aos estertores do franquismo, e  comparou a situación daquela altura coa actual, evidenciando a farsa da chamada “transición” e o inmenso traballo que aínda fica por facer, caracterizando a autonomía e o estado do ben estar como ferramentas do capital destinadas a desinchar as apostas revolucionarias e independentistas en períodos longos e pondo de relevo que apenas a militancia real e diaria nas causas da soberanía e do socialismo pode conducir a avanzos reais. 

Este ano, as intervencións políticas e de homenaxe estiveron intercaladas polos temas cargados de sentimento social e reivindicativo do cantautor galego Roberto Sobrado, que deron paso á ofrenda floral acompañada polo canto dos himnos da Patria e da Internacional, que fecharon o acto.  Sen embargo, como vén sendo habitual, unha boa parte das asistentes continuaron a xornada nunha carballeira próxima na que o MGS realiza un xantar aberto de convivio e confraternización co que dá por rematado o curso político.

Este ano, como os anteriores, a homenaxe a Moncho Reboiras en Imo foi precedida dunha intensa campaña de axitación con centro na figura de Reboiras e que, como o ano pasado, baixo o lema “Moncho Reboiras Vive!”, cubriu a maior parte do país e, en particular, as comarcas do Barbanza e Compostela.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Sumar para construír a folla de ruta do soberanismo do s.XXI

Nota: o texto que reproducimos a continuación forma parte das teses aprobadas na nosa 3ª Asemblea Nacional. Ao longo da historia do Movemento Galego ao Socialismo temos traballado na procura de propostas estratéxicas e tácticas para o avance do conxunto do soberanismo. Neste