Este ano cumpríronse os 35 anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras en Ferrol a mans da policía franquista. Un ano mais o Movemento Galego ao Socialismo non quixo deixar pasar esta data sen recordar a un militante que deu a súa vida polos que hoxe constitúen o eixo central dos obxectivos estratéxicos da nosa organización política.
A figura de Moncho Reboiras segue a estar vixente como exemplo dun grande organizador e dirixente nuns anos difíceis que supuxeron o agromar das organizacións políticas e de masas que actuarían na Galiza até hoxe. Tivo un importante papel na reoganización do movemento político actualizado no seu corpo ideolóxico e incorporando definitivamente o marxismo e a loita das clases populares ás reindicacións nacionais. A criación dun basto movemento cultural ou o surximento dun potente sindicalismo nacionalista foron algúns dos campos nos que Moncho Reboiras, que coñeceu de primeira man a presión da patronal en Vigo, destacou como organizador e activista gañándose o respeito e atraendo ao nacionalismo a moitos cuadros e xóvenes militantes. Finalmente, xa na clandestinidade, é asasinado cando organizaba a frente armada da UPG.
Precisamente ese papel de organizador foi o que Antolín Alcántara destacou na súa intervención no acto celebrado na mañá deste 12 de agosto en Imo. Comparou o momento no que Moncho Reboiras e unha nova xeración de militantes constituiron un movemento político coa tarefa principal da organización desde a nada co momento actual, no que tras anos de relegar á ideoloxía a un segundo plano por parte de quen tiña o papel histórico de continuar a loita cumpría centrar os esforzos na labor de politización da clase traballadora, das clases populares no seu conxunto e da mocidade para recuperarmos o camiño. Unha tarefa complicada mais ese é precisamente o exemplo de quen lembramos nesta homenaxe. Como exemplo Antolín falou da folga xeral como unha oportunidade para amosar a verdadeira cara do capitalismo e do seu papel expoliador de territorios, do medio ambiente e das persoas e causante do desigual reparto da riqueza no mundo.
Tamén falou Ximena González, quen na súa intervención lembrou que á súa morte Moncho contaba con 25 anos co que era un mozo consciente da súa condición de galego nun país sen soberanía e que chamando á organización consciente e entusiasta da mocidade en torno aos obxectivos estratéxicos da independencia nacional e o socialismo.
Este modesto e emotivo acto rematou co canto do hino galego e posteriormente celebramos outro pequeno acto nun restaurante próximo no que quixemos aproveitar esta data para asinar o protocolo de relación entre o MGS e a organización xuvenil Isca! co que formalizamos unha relación que viña existindo na prática desde o noso nacemento.
Días atrás tamén participamos nos actos unitarios que desde a Comisión Moncho Reboiras se celebraron no mesmo lugar e na que un completo programa de actos lembrou a figura de Moncho Reboiras, inaugurando unha nova placa na tumba do militante nacionalista.