1) Parabenizamos o conxunto da militancia do BNG, á sua base social e simpatizante, polo novo resultado eleitoral, que confirma unha liña ascendente que acompaña a paulatina recuperación do proxecto histórico, da identidade soberanista e de esquerdas da organización. A obtención de representación no Congreso, cun deputado, ten un valor cualitativo moi relevante, xa que permitirá intervir directamente na defensa dos intereses e aspiracións da clase traballadora e as clases populares galegas, extender o coñecemento do proxecto político alternativo, patriótrico e de esquerdas defendida polo BNG, e aumentar en xeral a conciencia política no noso pobo.
2) É de notar que esta representación foi conseguida nunhas condicións non enteiramente novidosas, mais de enorme dificultade: o debate político é cada vez máis dependente dos intereses económicos e políticos das grandes corporacións e dos medios de comunicación, nomeadamente da televisión, e garda menos relación co traballo de rúa, as campañas e os actos políticos tradicionais; nunhas eleccións que máis unha vez foron interpretadas como presidenciais en exclusiva, o BNG tivo que introducir un marco alternativo que xiraba en torno da identificación, as necesidades e as prioridades de Galiza como nación. Calquer éxito do BNG é consecuencia directa dos esforzos do seu corpo militante, que presenta aínda fraquezas, mais que é único entre todas as organizacións políticas galegas. Non obstante, temos que recoñecer as nosas limitacións e afortalar a loita ideolóxica e os seus instrumentos no noso país, con especial atención á construción de medios de comunicación e institucións alternativas de socialización e construción nacional.
3) A representación parlamentar ten que ser aproveitada para reforzar as nosas principais fortalezas, que non residen nas institucións nin en Madrid, senón na nosa terra e fóra delas: na nosa organización popular, na capacidade de mobilización, no afortalamento do tecido social e na construción de espazos de disidencia. Agardamos que sexa útil tamén para fortalecer as relacións e a coordinación co independentismo de esquerdas de Euskal Herria e os Países Cataláns, tamén reforzado, coa ambición de nos converter nunha nova fronte de conflito para o réxime, doente dunha profunda crise ante as demandas de liberación nacional dos pobos sen Estado.
4) Na coxuntura actual, queremos expresar as seguintes consideracións arredor da conformación dun novo goberno no Estado, de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos.
a) O marco conceptual dun “goberno de progreso” só se sostén de ignorarmos deliberadamente o que afirmamos en teses asembleares, nos programas eleitorais e nos documentos internos: o Partido Socialista foi sempre un instrumento privilexiado das clases dominantes, máximo defensor do réxime, da dependencia da Galiza e da monarquía, firmemente comprometido coa ortodoxia neoliberal e coas principais potencias e organizacións imperialistas (EUA, OTAN, Unión Europea). É fundamental que as forzas que teñen un proxecto alternativo e superador do actual marco, nomeadamente o BNG, eviten calquer posición de subalternidade a este fraudulento “campo progresista”.
b) O programa do BNG parte da premisa da ruptura necesaria no Estado para acadar transformacións positivas para os pobos e nomeadamente para o noso. Se esta proposición é aceitada como verdadeira, non pode ser abandonada de contado para negociar reformas parciais, investimentos ou acordos orzamentarios. Non podemos aceptar unha concepción especulativa sobre a ligazón entre a “Axenda Galega” e unha estratexia soberanista inexistente, senón que a articulación debe realizarse á inversa: primeiro debemos definir a estratexia e despois encaixar nela as moitas demandas e aspiracións do noso pobo desde a súa consideración como suxeito político pleno, e non como unha rexión meramente agraviada por un poder afastado. As políticas do Estado en contra das nosas aspiracións e intereses non son o reflexo dunha política insensíbel e ignorante, senón a consecuencia dunha opresión nacional real, que reserva para nós un papel subalterno e dependente dentro do réxime, cuxa modificación non é posíbel de forma reformista ou negociada, xa que existen notábeis beneficios materiais para o capital e o poder político que o representa.
c) Sen deixar de considerar a correlación real de forzas, a nivel político, social e institucional, debemos defender o noso programa na súa integridade, cunha liña de continuidade clara entre calquer demanda concreta (como a descentralización e abaratamento de infraestruturas fundamentais, o nivel de investimentos no noso país, as medidas de abaratamento da enerxía eléctrica, as alternativas á crise industrial, a aprobación de medidas de defensa da nosa lingua e cultura, entre outras) e outras medidas máis avanzadas.
d) Sen deixar de defender en todo momento e circunstancia os nosos propios intereses e a nosa estratexia, debemos ter en conta a crise profunda que padece o réxime e a existencia dun proceso independentista na Catalunya. Se as alternativas transitan entre a restauración e a ruptura, a nosa achega debe ser expresa e clara en favor da segunda e non podemos aceptar calquer manobra que pretenda situarnos como un instrumento accesorio da reestabilización do réxime. Na liña do que xa temos manifestado en cada convocatoria das mobilizacións de solidariedade, debemos comprender -e integrar coerentemente na nosa actuación- a profunda relevancia que ten este proceso independentista, principal vector de ruptura no Estado, e defender a constitución de repúblicas soberanas como alternativa real. Debemos ter cautelas ante unha posíbel instrumentalización que pretenda facernos lexitimar calquer intento de restauración, reestabilización ou reforma do réxime e promover, desde a noso propio contexto político e correlación de forzas, a cooperación e solidariedade mutua entre os movementos soberanistas do Estado.
e) Finalmente, existen factores conxunturais máis recentes que tamén merecen a nosa atención. O PSOE profundizou na súa liña reaccionaria na ultima campaña eleitoral, negando o carácter de conflito político na Catalunya, prometendo o encarceramento do presidente exiliado por medio da utilización instrumental da Fiscalía e convertendo a prohibición expresa de referendos nunha promesa eleitoral destinada aos sectores máis reaccionarios; tamén reiterou o seu compromiso co neoliberalismo e coa submisión ás directrices de recortes e medidas antipopulares da Unión Europea, por medio do compromiso co Plan de Estabilidade 2019-2022, co impulso de novas medidas contra o sistema público de pensións e a favor do abaratemento do despedimento (a “mochila austríaca“), e emblematicamente coa anunciada promoción da ministra Calviño como principal representante do ultraliberalismo; tamén aprobou en funcións unha nova restrición das liberdades na rede, por medio dun decreto-lei polo cal se amplían os poderes do goberno para pechar páxinas e servidores. Pedro Sánchez non só herdou os orzamentos anteriores, que xestionou sen ningún incomodo, senón que mantivo na súa integridade -coa corresponsabilidade de boa parte dos partidos do arco parlamentar- a arquitectura legal regresiva impulsada pola maioría absoluta do goberno Rajoy, o que inclúe a reforma laboral de 2012, a Lei Mordaza, a LOMCE, a reforma do Tribunal Constitucional que permite a inhabilitación directa de cargos políticos e outras disposicións profundamente antipopulares.
5) Nós confiamos e confiaremos sempre no noso pobo. A organización do poder popular, o afortalamento das organizacións e loitas populares son os nosos principais instrumentos para gañarmos un futuro diferente. As recentes contendas electorais representaron un paso pequeno, mais de enorme valor cualitativo para reforzar o noso proxecto alternativo, combativo, patriótico e de esquerda, antagónico ao que representan e comparten PP e PSOE. De nós depende aproveitalo para organizar e mobilizar máis pobo no combate pola liberdade.