Mais un ano, o Movemento Galego ao Socialismo quixo render homenaxe este 12 de Agosto ao militante nacionalista e comunista Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado en 1975 polo réxime franquista. O acto, desenvolvido no cemiterio de Imo onde repousan os seus restos, contou coa participación de ducias de militantes e simpatizantes do MGS que quixeron render tributo á memoria e actualidade da loita de Moncho Reboiras, mostrando através do incremento da asistencia a consolidación organizativa do noso proxecto político.
A oferenda floral, iniciada co canto da Internacional, veu acompañada dos discursos de dous membros da Mesa Nacional do MGS. Após a breve introdución por parte de Rafa Vilar, a compañeira Noa Presas, membro da organización xuvenil Isca! e do Consello Nacional do BNG, recordou como Moncho Reboiras é un exemplo para a mocidade que aspira a transformar de raíz un mundo inxusto desde a loita pola liberación nacional que traia a independencia do noso país.
Igualmente Ramiro Oubiña, tamén membro da Mesa Nacional, que interveu a seguir, recordounos os paralelismos existentes entre a situación social e política que levou a Moncho Reboiras a comprometerse cun proxecto pola soberanía nacional e o socialismo na nosa nación e a situación actual: a permanencia do expolio das clases populares e a situación colonial de Galiza. Nunha situación de emerxencia social e nacional, a denuncia do depredador sistema capitalista e a loita polo socialismo ten que ocupar un lugar destacado na nosa acción política, deixando atrás parches inservíbeis e combatendo o discurso que queren inocularnos a clase dominante. Alertou tamén sobre como, baixo a vestimenta formal da democracia burguesa, esta clase pretende levarnos cara un novo fascismo mediante o desprestixio da acción política e onde aqueles que defendemos os intereses do pobo galego sexan varridos da rúa e das institucións. Así pois, convidou os asistentes a manter o compromiso exemplarizante de Moncho Reboiras durante os 365 días do ano.
O acto rematou coo canto do Hino Nacional, seguindo depois cun xantar popular nas inmediacións, acompañado de música tradicional: unha xornada para coller azos e renovar o compromiso cos obxectivos polos cales Moncho Reboiras entregou a súa vida e que hoxe son máis necesarios que nunca.