O militante revolucionario, o comunista e independentista, o cadro político, o organizador sindical, o activista cultural… Cada 12 de agosto o Movemento Galego ao Socialismo e Isca! lembran non só a figura de Moncho Reboiras, asasinado nos estertores do franquismo cando aínda comezaba a articular o movemento nacional popular, senón a vixencia das súas ideas e das nosas necesidades, as de construír as ferramentas organizativas e ideolóxicas coas que nos liberar.
Polo MGS tomou a palabra Lucía Freire, membro da MN do partido e da Executiva Confederal da CIG, quen realizou unha valoración da actual situación política, chamando a atención sobre as prioridades de reforzar a organización e concienciación da clase traballadora, en combate coa ideoloxía dominante. Fixo fincapé no estreito contacto coas masas que se realiza dentro do sindicalismo nacionalista e de clase, se ben chamou a atención sobre a necesidade de redobrar os esforzos formativos para que este non se limite á resolución dos conflitos. Entre outros aspectos, tamén sinalou o avanzo, aínda insuficiente, da participación das mulleres no movemento nacional popular.
Interveu tamén Nemésio Barxa, avogado que nos anos 70 defendeu as distintas represaliadas da UPG e doutras organizacións. Nun discurso ateigado de referencias emotivas, lembrou as dificuldades existentes nos primeiros momentos para coñecer as circunstancias do asasinato de Reboiras, dada a práctica de ocultación e manipulación policial e xudicial do tardofranquismo e tamén da Transición. De feito, explicou que acadou o acceso á información no transcurso dun proceso aberto contra Francisco Carballo, que fora xulgado por escribir que Reboiras fora asasinado. Barxa argumentara que precisaba da información para poder atender ao seu defendido, quen tamén intervira nesta mesma homenaxe en 2013. Barxa enmarcou o asasinato de Reboiras dentro das características estruturais do réxime franquista, o terror e a desmemoria, contra as que se erguían mozos como Reboiras, desde o ámbito estudantil, o traballo na fábrica ou o cultural, e notou que o Moncho representaba unha figura excepcional, non só pola súa enerxía, amor ao país, ao seu pobo e a súa lingua, senón porque a súa actividade puido atinxir todos estes campos.
Participaron tamén Xoán Bautista, do BNG de Dodro, e José Rodríguez, por Isca!. O primeiro reflexionou sobre o traballo político que hoxe pode desenvolver o nacionalismo, como legado de actuacións comprometidas e mesmo heroicas no pasado. O segundo chamou a atención sobre o inmenso traballo desenvolvido por Reboiras nos seus 25 anos de vida, e sinalou a complexa situación material na que se atopa a mocidade galega na actualidade, necesitada de alternativas profundas e de organizacións que defendan os seus intereses e aspiracións, desde o estudantil até o mundo do traballo.
A homenaxe incluíu tamén a actuación musical do grupo Raiba!, que ofreceu unha adaptación exclusiva do seu repertorio ao formato acústico e estreou tamén un tema especificamente dedicado a Moncho Reboiras. O acto concluíu cos dous himnos que identifican ao comunismo galego, a Internacional e o Himno Nacional, e coa entrega dunha coroa de flores na tumba de Reboiras.