Na homenaxe a Moncho Reboiras no 40 aniversario do seu asasinato, Arredista Edicións presentou a súa primeira publicación: un libro de poemas dedicados á figura do histórico militante.
Este mércores 12 de agosto, no marco da homenaxe a Moncho Reboiras no cemiterio de Imo (ver a crónica) foi presentado tamén a que é xa a primeira publicación do selo Arredista Edicións. Trátase dun pequeno libro de poemas titulado 1975-2015 Moncho Reboiras Vive!, no que se inclúen pezas poéticas dedicadas á figura do histórico militante comunista e independentista asasinado pola policía española hai 40 anos.
Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Dario Xohan Cabana, Igor Lugris, Isidro Novo, Marta Dacosta, Ramiro Vidal Alvarinho, Susana Sánchez Aríns, Teresa Moure e Verónica Martínez Delgado quixeron contribuír amabelmente a este proxecto, coordenado por Alberte Momán. A todas e todos eles agradecémoslle o seu traballo e a súa escrita para facer deste volume unha realidade.
O libro, editado en papel, está xa disponíbel na loxa do Movemento Galego ao Socialismo nesta mesma web, por un prezo simbólico de 4 euros, até esgotar a edición. A continuación, podes ver o vídeo cortesía de GzVideos no que aparecen fragmentos dos poemas recitados por Alberte Momán, por Verónica Martínez e por Susana Aríns, que estiveron presentes na homenaxe no cemiterio de Imo.