Moncho na memoria. Homenaxe a Moncho Reboiras en 2015

Moncho Reboiras vive na loita pola independencia e o socialismo. Máis dun cento de persoas participaron na Homenaxe Nacional que se celebrou no cemiterio de Imo, con ocasión do cuadraxésimo aniversario do asasinato do militante comunista galego, a quen o MGS lembrou todos os anos desde a súa constitución, como espello no que nos mirar e desenvolver a súa loita.

Noa Presas, membro da Mesa Nacional do MGS e de Isca!, asegurou que o acto non pretendía só restituír unha memoria usurpada, senón recoñecer a vixencia dunha figura que “representa o modelo de militancia política que aspiramos a herdar, na súa concreción ideolóxica e na súa praxe”. Neste sentido, lembrou os numerosos conflitos e agresións anti-populares que enfrontamos na actualidade, desde as tractoradas en defensa do leite até os recorrentes lumes forestais, o desemprego ou as violacións de dereitos, para lembrar que son apenas consecuencias de causas estruturais, ligadas tanto ás políticas europeas como a “unha estrutura autonómica inservíbel”. Así, os dous pés do cambio, afirmou, pasan pola independencia e a ruptura co capitalismo, que deben avanzar por medio do soberanismo, “único proxecto verdadeiramente transformador que pode liberarnos como clase e como pobo”, sen cesión aos espellismos.

Tamén fixo alusión á necesidade da “unidade de acción e na alianza estratéxica de quen entendemos a soberanía como folla de ruta”, mais sen supeditalas exclusivamente aos marcos meramente electorais. Noa Presas saudou a presenza de cada vez máis veciños de Imo, do BNG de Dodro, e de organizacións irmás como o PCPG e o Colectivo Nacionalista de Marín. Finalmente, adicou o acto a todas aquelas persoas e organizacións que durante estes corenta anos honraron a figura de Moncho Reboiras.

Tamén interviron Xoán Bautista Mariño e Rafael Mouzo. O primeiro, concelleiro do BNG en Dodro, participara de cativo no enterro de Moncho Reboiras, en 1975, nunha vila tomada pola Guardia Civil, sen prever que tomaría despois a decisión de se implicar e representar no Concello o proxecto de liberación nacional deste país. Pola súa parte, o noso compañeiro Rafael Mouzo é un militante histórico, que foi alcalde de Corcubión entre 1997 e 2008 – cunha paréntese dun mandato – e impulsou unha das poucas rúas que homenaxean a Moncho Reboiras, unha das primeiras das moitas que algún día inzarán as nosas cidades e vilas.

Ademais das intervencións políticas, tamén a cultura serviu de vehículo da memoria, imaxinación e reivindicación. O acto comezou cunha actuación musical de Mini e Mero e tamén incluíu un recital poético. De feito, a homenaxe serviu de lanzamento do primeiro libro de Arredista Edicións!, a editorial vinculada ao Movemento Galego ao Socialismo. Trátase dunha colectánea de poesía dedicada expresamente a Moncho Reboiras, que foi coordenada por Alberte Momán e inclúe textos das autoras e autores Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Igor Lugris, Isidro Novo, Marta Dacosta, Ramiro Vidal Alvarinho, e Teresa Moure, ademais de Susana Sánchez Aríns e Verónica Martínez Delgado, que foron as dúas autoras presentes e protagonistas do recital poético. Alberte Momán leu o poema de Dario Xohán Cabana “Reboiras na lembranza”. Un exemplar foi entregado ás persoas que participaron no acto, ademais de a Manolo Reboiras e Lita Martínez, a quen agradecemos a súa presenza e colaboración. Mini e Mero interpretaron algún dos seus temas mais coñecidos e Mini recebeu o apoio expreso polo de toda situación de política en Boimorto que o deixaría sen a alcaldía por obra do caciquismo. O acto de homenaxe terminou coa colocación dun ramo e de corenta caraveis, e co canto dos himnos da nosa clase e da nosa patria.

A homenaxe veu precedida dunha campaña axitativa previa, coa colada de numerosos cartaces e o despregamento de faixas, que levou a lembranza de Reboiras a diversas comarcas do país, nomeadamente á de Compostela e ao Barbanza. Tamén se repintou na súa integridade un mural de catro metros de altura coa imaxe de Reboiras, que fora elaborado no ano pasado e despois fora destruído, e que se atopa nas inmediacións do cemiterio de Imo.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Sumar para construír a folla de ruta do soberanismo do s.XXI

Nota: o texto que reproducimos a continuación forma parte das teses aprobadas na nosa 3ª Asemblea Nacional. Ao longo da historia do Movemento Galego ao Socialismo temos traballado na procura de propostas estratéxicas e tácticas para o avance do conxunto do soberanismo. Neste