Homenaxe a Moncho Reboiras en 2013.

O cemiterio de Imo acolleu na mañá de hoxe o acto de homenaxe a Moncho Reboiras que o Movemento Galego ao Socialismo organiza cada ano. Un acto onde aumentaron tanto o número de asistentes, máis de 80 persoas, como o de intervencións, e tamén houbo un oco para á lembranza doutro dos imprescindíbeis, o noso camarada Fidel Diéguez, que nos deixaba en marzo.

O membro da Mesa Nacional do MGS e do Consello Nacional do BNG, José Emílio Vicente, introduciu o acto coa homenaxe e lembranza do Fidel, dando leitura ao comunicado emitido pola nosa organización en marzo e reclamando do compromiso de toda a militancia para facer xustiza á sua memoria. No momento máis emotivo da xornada, os seus fillos Uxío Breogán e Breixo receberon o comunicado selado pola organización e unha peza de cerámica de Sargadelos, un carballo que representaba “a forza e a estabilidade” da Patria, e o desexo de construir unha organización de loita como unha carballeira, como un espazo comunal de liberdade e paz. Uxío Breogán Diéguez interveu brevemente para exortar ás presentes a manter e reforzar o compromiso coas ideas polas que Fidel loitou durante toda unha vida.

Tras este intre excepcional, comezaron as catro intervencións previstas no programa do acto. O responsábel local do BNG de Dodro, Bieito Pérez, sinalou a importancia de que este tipo de actos continúen a celebrarse cada ano na vila da beira do Ulla, para manter acesa a memoria de Reboiras.

Pola súa parte, o teólogo e historiador Francisco Carballo, que no seu día fora represaliado por denunciar nunha publicación o asasinato de Reboiras, enmarcou a actuación do revolucionario de Imo no contexto histórico da etapa serodia da ditadura e animou ás persoas asistentes a continuar a loita para facer realidade eses soños, cun discurso incisivo sobre o neoliberalismo e a miseria que xera por toda a parte.

Raquel Vázquez, militante de Isca! e delegada de persoal da CIG, cun longo bagaxe de intervención en conflitos laborais neste mesmo ano, centrouse no duro horizonte laboral e de dereitos que ofrece o capitalismo para a mocidade traballadora, e sinalou a necesidade de afortalar a organización obreira, con imaxinación e contundencia, para facer fronte aos numerosos desafíos abertos. Sinalou o exemplo que Reboiras (que faleceu con 25 anos despois de implicarse en numerosas frentes) representa para a mocidade revolucionaria de hoxe.

Por último, Vicente volveu intervir para recuperar algunhas das leccións que nos deixou Reboiras, ademais do exemplo ético de quen sacrificou literalmente todo polas súas ideas e polos seus compañeiros: entre elas, o titánico esforzo por crear e afortalar as organizacións propias; a necesidade de atender sen desmaio á formación, a información e a análise; e a imprescindíbel firmeza en principios axiais do nacionalismo de esquerdas, entre eles a concepción da liberación nacional como a forma que adopta a loita de clases nunha nación colonizada. Chamou tamén, a analisar a crise desde unha perspectiva integral e marxista, non episódica e parcial, e a denunciar as estruturas socioeconómicas do Estado español como solución de compromiso entre a continuidade do franquismo e os intereses estratéxicos do capitalismo internacional.

O acto non só reuniu a moitas militantes e simpatizantes do MGS, senón tamén persoas especialmente convidadas, como Manuel Reboiras, o irmán de Moncho, unha delegación do Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG) e traballadoras de Campiñas de Laíño, protagonistas de numerosas mobilizacións e folgas obreiras no mesmo lugar no que nacera o Moncho Reboiras en 1950.

Tras a oferenda na tumba do Moncho e o canto do Hino Nacional, as asistentes dirixíronse a unha zona recreativa próxima, onde se celebrou o tradicional xantar de confraternización. Para finalizar a xornada, realizouse un roteiro até a estación rupestre de Bouza Abadín, cunha boa representación de petroglifos con motivos característicos do Bronce, nun lugar que oferecía tamén unha magnífica visión do tramo final do Ulla.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Sumar para construír a folla de ruta do soberanismo do s.XXI

Nota: o texto que reproducimos a continuación forma parte das teses aprobadas na nosa 3ª Asemblea Nacional. Ao longo da historia do Movemento Galego ao Socialismo temos traballado na procura de propostas estratéxicas e tácticas para o avance do conxunto do soberanismo. Neste