Construíndo unha folla de ruta para o soberanismo do s. XXI

Os últimos anos foron de rearticulación, realiñamentos e redefinicións no campo do soberanismo galego. Houbo proxectos políticos que desapareceron, viraxes históricas, clarificacións e refundacións, todo isto no cadro dunha crise de réxime onde as estruturas estatais xa non son quen de consolidar a súa estabilidade como o fixeran nas décadas anteriores, e responden aos proxectos que o cuestionan con unha cada vez máis evidente ofensiva españolista e represiva.
Foi neste marco que o movemento nacional galego viviu a fase final dunha crise prolongada, cun debilitamento xeral e con rupturas que foron consecuencia fundamentalmente (mais non só) de diferenzas e contradicións insalvábeis de tipo político e ideolóxico, como se evidenciou xa abertamente na Asemblea Nacional do BNG en Amio no 2012. A pesar da estarmos xa ante unha aparente e lenta mudanza nesa tendencia, foi innegábel un retroceso -do cal o electoral foi só unha plasmación- que se viña prolongando durante anos, e que tivo entre unha das razóns principais a frustración e desmobilización resultante dunha longa fase de desnaturalización do proxecto nacionalista. Isto concretárase no seu momento na adopción progresiva dunha vía conciliadora que durante anos non superou o autonomismo e a pura xestión do existente, no distanciamento de diversos movementos sociais, en dinámicas internas moi viciadas, na verticalización organizativa e en xeral en tentativas, por sorte non plenamente consumadas, de homologación formal, orgánica e ideolóxica, coas forzas do sistema. Cando se comezou, aínda con moitas vacilacións, a reverter lentamente ese proceso, as contradicións e rupturas foron inevitábeis. Coincidindo con esa fase emerxeron tamén con forza e en diferentes fases diversos proxectos impulsados pola esquerda española en alianza con organizacións do país (procedentes do propio campo soberanista), especialmente a partir do nacemento do que se deu en chamar “nova política”. Estes proxectos oportunistas foron quen de medrar aproveitando boa parte das debilidades, erros e dificultades obxectivas do BNG, nadando a favor da corrente e reforzados polo marco estatal no inicio, e finalmente contribuíndo a unha maior desmobilización e frustración social que non facilita o avance de ningún proxecto transformador.
Porén, contra moitos pronósticos e neste contexto obxectivamente hostil, un proxecto soberanista, autocentrado e con importante implantación social e territorial como o que encarna BNG foi quen de resistir, sobrepóndose a todos os agoiros que prevían a súa inminente defunción se non se subía tamén ao carro impulsado pola esquerda española. Fíxoo, ademais, iniciando un proceso de renovación, relanzamento e clarificación, que a pesar das súas insuficiencias e mesmo contradicións, supuxo pasos adiante na súa lexitimación social como actor coherente en defensa dos dereitos nacionais e sociais.
Para aproveitar esa posición, non malbaratar o capital político logrado, e poder encarar esta nova fase con garantías e avanzar politicamente, é fundamental tomar consciencia dos erros do pasado para non repetilos, e analizar correctamente todo o camiño percorrido tanto polo BNG como polo conxunto das organizacións políticas e sociais do espazo nacionalista. Por iso, sería suicida negar que a maioría dos debates, conflitos e rupturas vividos no seo do soberanismo tiveron (e teñen) unha esencia fundamentalmente político-ideolóxica, e non se pode pretender obvialos ou reducilos só a problemas personalistas, de convivencia interna ou cotas de poder.
Sen renunciar a reforzar e ampliar o proxecto o máximo posíbel, é imprescindíbel facelo sempre sobre bases firmes: partindo das leccións do pasado e con criterios firmes e claros sobre cal debe ser a folla de ruta a compartir.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Sumar para construír a folla de ruta do soberanismo do s.XXI

Nota: o texto que reproducimos a continuación forma parte das teses aprobadas na nosa 3ª Asemblea Nacional. Ao longo da historia do Movemento Galego ao Socialismo temos traballado na procura de propostas estratéxicas e tácticas para o avance do conxunto do soberanismo. Neste