O PSOE acaba de voltar ao goberno do estado tras unha moción de censura que inaugura un período transitorio no cada vez máis inestábel réxime español. A pesar do evidente debilitamento do bipartidismo, de momento o sistema é quen de seguir a oscilar entre as dúas caras que se foron alternando nas últimas décadas e que aplicaron políticas moi similares no substancial.
É evidente que existe certa expectativa social co novo goberno e que non é posíbel ser indiferente á percepción en amplos sectores de cando menos certo alivio á hora de retirar do goberno a un PP que representaba a corrupción institucionalizada a todos os niveis. Porén, a lóxica do “mal menor” non debe levarnos a acompañar falsas expectativas a respecto das necesarias mudanzas de fondo que en ningún caso van ter lugar da man deste goberno.
Non debería ser preciso lembrar novamente que é o PSOE e cal foi o seu papel xa desde a transición á hora de apuntalar o réxime, e como durante os seus sucesivos gobernos, aplicou algunhas das máis duras e regresivas medidas contra os dereitos sociais e laborais e as liberdades públicas. Tampouco a retórica coa que Pedro Sánchez voltou o ano pasado ao liderado do partido pode ocultar a súa traxectoria, mesmo xa desde antes do goberno Rajoy, cando apoiou a reforma da Constitución Española que prioriza o pago da débeda coa banca fronte ao gasto social. Máis recentemente puidemos constatar o seu pleno aliñamento no bloque do 155, lexitimando a brutal represión vía violencia policial, presas políticas, exiliadas e as numerosas causas xudiciais abertas. Nesta liña, só dúas semanas antes de ser investido, o propio Pedro Sánchez defendía a necesidade de reformar o código penal para actualizar os supostos do delito de rebelión e poder perseguir mais eficazmente procesos de liberación nacional como o catalán. Isto deixa claro cal será a liña que seguirá no tratamento do que demostrou ser o elo mais feble do réxime: a cuestión nacional.
A configuración do goberno que vimos de coñecer ilustra nalgunhas das súas principais figuras cales son as expectativas reais que podemos ter: Interior será rexido por un xuíz cómplice de torturas e moi significado na represión xudicial contra o independentismo vasco no seu ciclo máis duro de ilegalizacións e detencións masivas. Exteriores será exercido por unha persoa que evidencia a pertenza do PSOE á oligarquía e que nos últimos tempos foi reivindicado pola extrema dereita unionista polo seu furibundo españolismo. Economía será ocupado por una funcionaria da UE que representa de forma impecábel o cumprimento estrito da ortodoxia neoliberal imposta por esta institución.
Será un goberno débil e breve e que ademais terá que gobernar cos orzamentos aprobados polo PP. Por iso, parece previsíbel que o novo goberno se limitará a aplicar certas medidas cosméticas que lles permitan gañan folgos nas enquisas e enfrontar a próxima convocatoria electoral con máis garantías fronte ao ascenso de Ciudadanos, mais que non afecten nada no fundamental, nomeadamente o cerne das principais contrarreformas dos últimos anos no campo laboral, social ou de liberdades públicas.
Fronte a esta nova operación de relexitimación do réxime, cómpre articular unha resposta á altura por parte do soberanismo e das clases populares. Será chave sincronizar os esforzos das diferentes organizacións do movemento nacionalista e seguir a acumular forzas en favor dunha alternativa de ruptura democrática e en favor da recuperación de dereitos roubados nos últimos anos. É preciso traballar de novo co horizonte da folga xeral unindo loitas en todas as frontes, vencellando as diversa iniciativas populares a un proxecto de superación do marco actual.
Aínda coas dificultades derivadas do feito de o soberanismo galego non contar con unha voz propia nas institucións estatais, cómpre avanzar na coordinación co resto de pobos do estado para golpear de forma mais eficiente e contundente. Nun momento en que fica claro que os movementos independentistas son o maior -e único, hoxe por hoxe- factor que pode pór en cuestión a andamiaxe construída no ano 78, debemos aproveitar a fenda aberta polo proceso catalán e afondar nela afortalando as nosas ferramentas sociais e políticas para o proceso de emancipación nacional. O papel do nacionalismo galego nesta conxuntura non pode limitarse a reclamar un mellor reparto das migallas, unha nova redistribución de recursos e competencias ou a demandar unha descentralización formal que xa demostrou ter nulo percorrido, senón a cuestionar a esencia do sistema de poder.
A crise social, nacional e de lexitimación democrática do sistema seguirá vixente, e o noso papel é evidenciala en todas as frontes formulando alternativas superadoras. Fronte a quen pretenda reservarnos un papel similar ao da esquerda española ou ao de algunhas forzas teoricamente nacionalistas ou rexionalistas do estado, que exercen como factor de lexitimación ou estabilidade do sistema, a nosa función debe ser xusto a contraria.
A chave das batallas que virán é entendermos que loitamos contra un réxime e non só contra un goberno. De feito, as mudanzas de goberno poden ser plenamente funcionais para o mantemento do substancial: a unidade do estado e os privilexios da oligarquía española. Fronte a iso, o noso deber é seguir organizadas e non dar tregua na loita por recuperar o poder para o noso pobo.