8 de marzo: impulsemos a loita feminista contra o capital

8 de marzo de 1909. 129 traballadoras da fábrica téxtil Cotton de Nova Iorque atrincheirábanse nas instalacións da fábrica durante unha folga para esixir a mellora das condicións laborais. Como resposta, o patrón provoca un incendio que remata coa vida das traballadoras. Un ano despois, durante a II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas en Copenhague decídese, a proposta de Clara Zetkin, establecer o 8 de marzo como día internacional da muller en conmemoración deste acontecemento.

A que no inicio sería unha data de loita e demandas sociais das mulleres obreiras para acadar a igualdade, foi diluíndo o seu significado ao longo dos anos a través das políticas socialdemócratas e liberais, chegando a ser unha data celebrada polo gran capital á que se lle retira o cariz reivindicativo. Paralelamente, pasou o tempo sen que, alén dos logros acadados no campo socialista, a situación global das mulleres mellorase significativamente.

Ben entrados no século XXI e sendo as mulleres a metade da poboación mundial, a nosa loita segue a ser percibida como unha loita sectorial, de minorías, á que non se dá a importancia que realmente ten. Seguen vixentes preconceptos como que os traballos feminizados teñen menos valor que os realizados por homes. A división sexual do traballo no capitalismo coloca ás mulleres nunha posición subalterna e crea o falso dilema traballo produtivo – traballo reprodutivo asignando a través dos xéneros os roles sociais de mulleres e homes. Mais o feminismo marxista -que hoxe avanza nas súas posicións situando a folga como elemento central da loita feminista- ten analizado que o conflito é entre o capital e a vida, reivindicando a través da organización social obreira que traballo produtivo e reprodutivo perdan o sesgo de xénero e teñan o mesmo valor social, como paso imprescindíbel para eliminar a opresión de xénero das mulleres.

Son evidentes as discriminacións salariais, laborais, de conciliación no traballo produtivo e a invisibilidade do traballo reprodutivo da vida. As mulleres optamos sempre aos peores empregos, moitas veces a tempo parcial e cobrando salarios inferiores ao SMI. E é que desde a incorporación da muller ao mundo laboral, o sistema capitalista pulou porque o traballo feminino tivese como resultado exactamente o inverso á tendencia natural: en lugar de supor unha nova distribución do traballo que permitise a redución da xornada laboral e ao reforzamento da riqueza e o benestar da sociedade, a xornada laboral mantívose e aumentou a competencia, polo que diminuíron os salarios e medrou o enriquecemento da patronal proporcionalemente á pobreza entre traballadoras. Esta precarización das mulleres conduciunos, paralelamente, a unha menor implicación na loita, ben por non dispoñer da independencia económica suficiente para poder asumir a repercusión económica de folgas ou da perda do emprego, ben por non dispoñer do tempo suficiente no día a día para involucrarnos no traballo político ou sindical. As duplas ou triplas xornadas que asumimos as mulleres, tendo que ocuparnos do traballo do fogar e dos coidados, limitan o tempo e as forzas das que dispoñemos. Todo isto conforma un perfecto engrenaxe no que un dos sectores mais precarios da poboación, precisamente polas súas condición penosas de traballo, viña soportando sobre as súas costas o peso dos empregos mais ruíns e dos coidados que se desprezan e non se asumen dende os gobernos. E é que na familia tradicional a muller segue a representar ao proletariado.

Mentres tanto, e malia que non se trata dun problema sectorial senón que afecta a todo o espectro do proletariado, a desmobilización xeralizada, a caída do campo socialista e o retroceso ideolóxico que esta supuxo, provocaron o estancamento da situación. Desde o Movemento Galego ao Socialismo consideramos necesario que o conxunto da clase traballadora e revolucionaria tome conciencia, para ver o problema baixo o prisma do significado histórico da liberación da muller como parte indispensábel da superación desta sociedade e da fin da explotación do home polo home.

Neste senso o 8 de marzo de 2018 supón unha nova esperanza. A pesar do inmobilismo que se viña arrastrando, este ano retómase o aspecto combativo da súa orixe coa convocatoria da folga de mulleres. Nun escenario no que á precariedade e á desigualdade se suma unha agresividade social que comprende desde a cousificación até os feminicidios, e que fai do feito de ser muller un factor de risco, a situación tórnase crítica e desemboca no que se espera que sexa un punto de inflexión. Chegamos a esta folga con bo estado de ánimo após vitorias acadadas como a das traballadoras de Bershka da provincia de Pontevedra ou as traballadoras da limpeza en Euskal Herria que amosaron que a unidade e a resistencia na loita seguen a ser as únicas vías para a adquisición de dereitos.

Pero esta folga, alén de reclamar a igualdade laboral e unhas condicións máis xustas, é tamén unha vitoria das feministas marxistas, pois na maior parte do mundo o Paro Internacional de Mulleres exprésase desde posicións anticapitalistas -como na Galiza- e cuestiona non só os privilexios no actual sistema senón o propio sistema, traendo a primeira liña de loita cuestións centrais como a economía e o papel dos traballos invisíbeis que sustentan hoxe o capitalismo e que se sustentan na vida das mulleres. E, ademais, un triunfo sobre posicións burguesas que tamén hoxe acadan relevancia social dentro da loita feminista e que cómpre combater dende o seo do propio movemento feminista.

Esta folga chama a construír alternativas económicas, políticas e sociais ao capitalismo desde unha óptica antipatriarcal, e faino cunha ferramenta de loita histórica do movemento obreiro adaptada ás análises do feminismo onde o traballo reprodutivo ou de reprodución da vida (saúde, crianza, coidados, alimentación) aflora á superficie e reclama o valor social que o fai imprescindíbel para a vida de todas.

É responsabilidade revolucionaria colocar no centro esta loita e esta folga de mulleres, entendendo o avance do feminismo revolucionario como o avance do conxunto da clase obreira. Por iso, dende o MGS chamamos ás compañeiras a secundar a folga convocada para o vindeiro 8 de marzo así como a asistir á manifestación nacional convocada o 4 de marzo en Vigo, e as convocatorias locais do 8M en cidades e vilas galegas e convidamos aos compañeiros a que nos acompañen en solidariedade e respecto.

#4MEuVouAVigo #8MEuParo

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Sumar para construír a folla de ruta do soberanismo do s.XXI

Nota: o texto que reproducimos a continuación forma parte das teses aprobadas na nosa 3ª Asemblea Nacional. Ao longo da historia do Movemento Galego ao Socialismo temos traballado na procura de propostas estratéxicas e tácticas para o avance do conxunto do soberanismo. Neste